Sunday 05 de May de 2024

Feijóo: “Galicia hoxe é viable economicamente, as nosas contas están ordenadas”


Asegura que hoxe mesmo comezamos a investir o superávit de responsabilidade no noso futuro, “nos nenos e mozos galegos” e que ao longo do mes de maio se aprobará outro paquete de medidas dirixido “ás persoas e a incentivación económica”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a nosa Comunidade é viable economicamente e que as nosas contas están ordenadas. “Galicia é a Comunidade Autónoma que menos incrementou a súa débeda pública este ano”.

Por iso, destacou, esta empresa familiar que se chama Galicia contará cun superávit de responsabilidade que hoxe mesmo comezamos a investir no noso futuro, “os nenos e mozos galegos”. O 80% dos nenos que nazan en 2017 seguirán percibindo unha axuda de 1.200 euros anuais e os menores de 18 anos poderán gozar de transporte gratuíto interurbano dentro da súa área metropolitana. Ademais, avanzou que se aprobará ao longo do mes de maio outro paquete de medidas dirixido “ás persoas e a incentivación económica”.

No transcurso da súa intervención fixo balance das principais cifras macroeconómicas, uns indicadores que, tal e como subliñou, reflicten “o inicio claro da recuperación” e supoñen o maior crecemento da economía galega desde 2008. Así, se no primeiro trimestre de 2013 a EPA cifraba en 287.000 o número de parados, agora hai 60.000 parados menos e 34.500 afiliados máis.

Galicia é a segunda Comunidade Autónoma que máis está incrementando o seu Índice de Produción Industrial. De feito, subliñou que no sector naval ese índice se incrementou no último ano un 11% e que estamos a rexistrar récord sobre récord de exportacións. “Nunca tivemos tantos datos positivos”, sentenciou.

Finalmente, o titular do Goberno galego invitou aos alí presentes a investir no rural, un sector que —tal e como subliñou— está exento de pagar os impostos autonómicos correspondentes a calquera acto xurídico documentado, compra, venta ou permutación.

A este respecto lembrou que, aínda que a reivindicación de suprimir o imposto de sucesións “non se cumpriu ao 100%, si se cumpriu ao 99%”. Esa é a porcentaxe de galegos que a día de hoxe non ten que pagar ese tributo que penalizaba, entre outras cousas, a herdanza dunha empresa familiar. Ademais, para o 1% restante tamén quedan exentos de impostos “os primeiros 400.000 euros de caudal hereditario por herdeiro”.